LExISLACIÓN APLICABLE Á MICOLOXIA (Para Galicia):

 

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

 

Capítulo VI
Aproveitamentos micolóxicos
Sección 1ª. Disposicións comúns aos aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais
Artigo 41. Obxecto e alcance
1. O obxecto do presente capítulo é a ordenación e regulación do aproveitamento micolóxico, mediante a recolla de cogomelos ou fungos, nos montes e terreos forestais de xestión privada situados na Comunidade Autónoma de Galicia. Estes aproveitamentos realizaranse dentro dos límites que permitan os intereses de conservación e mellora do monte de acordo co disposto no presente decreto e de xeito que se garanta a súa persistencia e capacidade de renovación.
2. Exceptúanse deste réxime xeral aqueles cogomelos que poidan ser obxecto dunha regulación específica, e neste caso o aproveitamento rexerase polo disposto na devandita normativa.
3. Nos montes ou terreos forestais de xestión privada, o aproveitamento micolóxico realizarase de acordo co disposto no presente capítulo, na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e na demais normativa sectorial que poida resultar de aplicación.
Artigo 42. Condicións específicas na realización dos aproveitamentos micolóxicos
1. Tanto na fase de localización como na de recolla de cogomelos e fungos non se empregarán máis instrumentos para a extracción que un coitelo ou navalla. Os cogomelos extraeranse coidadosamente coa punta da navalla ou coitelo desde a base do pé, de xeito que queden enteiros, e tendo perfectamente visibles todos os caracteres que permitan a súa correcta identificación sen danar o micelio. Unha vez extraídos reporase a terra ou a folla de xeito que o terreo quede nas condicións orixinais.
2. Deixaranse intactos os exemplares que non se vaian recoller por calquera motivo, tanto pola súa mala conformación, xa estean rotos, alterados, pola falta de interese para a persoa que realiza o aproveitamento, por dúbidas na súa identificación ou calquera outro motivo de similar ou análoga natureza.
3. Os recipientes utilizados para o traslado e almacenaxe dos cogomelos por aquelas persoas que realicen o aproveitamento dentro dos montes ou terreos forestais terán que ser cestos ou recipientes de material permeable de semellante natureza, abertos pola súa cara superior, que permitan a súa aireación e a caída ao exterior das esporas.
Artigo 43. Prácticas prohibidas na realización dos aproveitamentos micolóxicos
Na realización de aproveitamentos micolóxicos quedan prohibidas as seguintes prácticas:
1. Remexer o chan, tanto na fase de localización como na de recolla, de xeito que se altere ou prexudique a cobertoira vexetal superficial, con excepción dos fungos hipoxeos (subterráneos), nos cales se permitirá sempre que o seu aproveitamento se realice extremando as precaucións de xeito que, unha vez rematados os traballos, o terreo debe quedar nas condicións máis próximas ás orixinais.
2. Usar anciños, angazos, aixadas ou calquera outra ferramenta que altere a parte vexetativa do cogomelo. En todo caso, a folla do instrumento empregado non excederá os 11 centímetros de lonxitude.
3. Recoller cogomelos e fungos pola noite, con independencia do tipo de aproveitamento e da especie. Para estes efectos, a noite comprenderá o período que vai desde o solpor ata o amañecer, segundo as táboas de orto e ocaso.
4. Romper ou deteriorar calquera exemplar que non sexa obxecto de recolección, agás roturas puntuais dalgún exemplar, necesarias para a axeitada identificación taxonómica.
5. Recoller cogomelos nas primeiras e nas últimas fases do seu desenvolvemento, é dicir, cando os exemplares sexan demasiado novos ou demasiado vellos.
6. Recoller, alterar ou estragar exemplares de especies protexidas.
7. Trasladar e almacenar os cogomelos en bolsas de plástico ou similares, ou en recipientes con recubrimento exterior ou interior que impidan ou diminúan a permeabilidade.
Artigo 44. Tipos de aproveitamento micolóxico
1. Para os efectos do presente decreto, os aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada situados na Comunidade Autónoma de Galicia clasifícanse nos seguintes grupos:
a) Aproveitamentos para consumo propio: son aqueles aproveitamentos de marcado carácter consuetudinario e esporádico que presentan unha finalidade doméstica, isto é, non económica ou comercial. Enténdese por modalidade de aproveitamento para consumo propio a recolla de cogomelos de calquera especie permitida ata un máximo de 2 quilogramos por persoa e día e sempre que sexan silvestres e non produtos de plantación ou de micorrización.
b) Aproveitamentos comerciais: son aqueles aproveitamentos a través dos cales a persoa propietaria ou xestora do monte ou terreo forestal pretenda obter un rendemento económico ou lucrativo ao seu favor. En todo caso, este tipo de aproveitamento require de autorización da persoa propietaria, entendéndose que existe aproveitamento comercial cando a recolla de cogomelos de calquera especie exceda a cantidade de 2 quilogramos de peso por persoa e día ou non sexan silvestres.
c) Aproveitamentos con fins científicos ou didácticos: son aqueles aproveitamentos que presentan un obxecto eminentemente científico-taxonómico, de identificación, de colección, educativo ou similar que deberá quedar acreditado suficientemente con anterioridade á execución do aproveitamento. En todo caso, este tipo de aproveitamento pode ser compatible con outros tipos de aproveitamentos definidos no presente artigo. Este aproveitamento estará limitado a 5 unidades representativas enteiras por especie.
2. Os aproveitamentos para consumo propio e os aproveitamentos con fins científicos ou didácticos son libres, agás que a persoa titular regule o coutamento do seu aproveitamento no instrumento de ordenación ou xestión forestal ou comunique o coutamento deste aproveitamento, que en calquera caso debe sinalizar.
Sección 2ª. Aproveitamentos micolóxicos en montes e terreos forestais. Coutos
Artigo 45. Regulación dos aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais
1. As persoas propietarias de montes teñen dereito a coutar as súas propiedades, orientado á viabilidade e ao mellor aproveitamento micolóxico.
2. O aproveitamento micolóxico en montes ou terreos forestais de xestión privada situados na Comunidade Autónoma de Galicia deberá estar regulado no correspondente instrumento de ordenación ou de xestión, validamente aprobado pola Administración forestal de conformidade co establecido no capítulo II do título III da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no cal, de ser o caso, se sinalará, como mínimo, a superficie que será obxecto de restrición ao acceso mediante o coutamento, e nel incluiranse as obrigas establecidas neste decreto respecto ás condicións de efectuar o aproveitamento, polo que o incumprimento destas condicións implicará que se incumpre co disposto no instrumento de ordenación ou de xestión.
3. En caso de non contar con instrumento de ordenación ou de xestión aprobado, a persoa propietaria do monte ou terreo forestal poderá manifestar a decisión de prohibir a entrada de persoas sen a súa autorización para a recolla de cogomelos con independencia da modalidade de aproveitamento, na totalidade ou nunha parte do seu monte mediante o coutamento.
4. Para este fin deberá remitir comunicación desta decisión á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo consonte o modelo establecido no anexo X. Nesta comunicación faranse constar, ademais dos datos identificativos da persoa propietaria, a superficie obxecto de coutamento, referencias catastrais afectadas ou xuntar plano do aproveitamento, e o período de validez desta comunicación, que poderá ser por tempo determinado ou ben indefinidamente mentres a persoa propietaria do monte ou terreo forestal non se manifeste en contra ou ben concorran circunstancias sobre o terreo que obriguen a modificar a dita restrición.
5. A recolla de cogomelos nas modalidades definidas neste capítulo como para consumo propio ou con fins científicos ou didácticos poderá efectuarse sen necesidade de autorización por parte da persoa propietaria nos montes ou terreos forestais de xestión privada, e sempre fóra da superficie obxecto de coutamento.
6. A recolla de cogomelos na modalidade de aproveitamento definida neste capítulo como comercial estará sometida, en calquera caso, á autorización explícita e por escrito da persoa propietaria do monte ou terreo forestal, nos termos reflectidos no artigo 46 do presente decreto.
7. Aqueles terreos coutados para o aproveitamento micolóxico deberán ser cada ano obxecto efectivo de dito aproveitamento e o dito aproveitamento deberá facerse consonte o establecido no instrumento de ordenación ou de xestión, se existir.
Artigo 46. Necesidade de autorización polos propietarios en caso de terreos afectados por algún tipo de restrición
1. En caso de montes ou terreos forestais de xestión privada en que o aproveitamento micolóxico teña a consideración de comercial ou cando en calquera modalidade se estea a facer o dito aproveitamento dentro dunha superficie coutada consonte o disposto neste capítulo, requirirase autorización expresa das persoas propietarias. Para as comunidades titulares de montes veciñais en man común será necesaria, para a dita autorización, a constancia do acordo da asemblea xeral conforme os seus estatutos e a normativa vixente na materia.
2. As persoas que dispoñan da citada autorización deberán levala consigo no momento de realizar o aproveitamento. Nesta autorización deberá constar, como mínimo, a súa vixencia, o nome do monte ou terreo forestal, as referencias catastrais afectadas ou no plano coa superficie de aproveitamento autorizada, os datos identificativos da persoa a que se concede o permiso e os datos identificativos e a sinatura da persoa que outorga o devandito permiso.
3. En caso de aproveitamentos exercidos por un grupo de persoas organizado, o permiso explícito anteriormente mencionado poderá concederse para o grupo completo e para todo o período de tempo que dure a actividade.
Artigo 47. Sinalización dos montes e terreos forestais de xestión privada que presenten prohibicións ou restricións con respecto aos aproveitamentos micolóxicos
1. Co obxecto de que os posibles recolledores/as recoñezan o monte ou terreo forestal afectado pola restrición en materia de aproveitamentos micolóxicos, as persoas propietarias destes predios deberán coutar e sinalizar o perímetro sometido a restrición de acceso. Con esta finalidade, empregaranse sinais claros e facilmente visibles coa seguinte inscrición en letras maiúsculas «Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora».
2. Estes sinais deberán estar situados no recinto coutado e nos accesos principais ao monte.
3. Para a sinalización prohíbese cravar ou esgazar con calquera elemento, manual ou mecánico, as árbores de forma tal que se lles produzan dano ou feridas.